Thursday 02 de May de 2024

“A ollada de Gustav” pon en valor a identidade e a tradición galegas nunha ducia de concellos dentro do programa da Xunta “Territorio Cultura”


— O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu en Mesía á inauguración dunha exposición arredor das fotografías e gravacións realizadas en Galicia durante os anos 60 polo antropólogo e folclorista danés Gustav Henningsen

— O traballo deste recoñecido investigador inspira o proxecto que está a desenvolver a compañía aAntena en municipios rurais das provincias da Coruña e Lugo con esta mostra, o espectáculo ‘Relato para un incendio’, seráns, obradoiros e charlas

— Trátase dunha das primeiras 14 propostas ás que o Goberno galego achega case 1,3M€ para ampliar e diversificar a oferta cultural en zonas non urbanas e que este venres publica a súa segunda convocatoria

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu hoxe en Mesía á inauguración da exposición Coreografías do saber: o traballo feminino en Gustav Henningsen, que pode verse na Casa da Cultura ata o 15 de decembro como parte do proxecto artístico A ollada de Gustav. A investigación sobre a identidade e a tradición galegas que o recoñecido antropólogo e folclorista danés levou a cabo nos anos 60 a é o fío condutor desta proposta multidisciplinar da compañía escénica aAntena, que se desenvolve en 12 concellos ao abeiro do programa da Xunta Territorio Cultura.

Sutil, quen participou na presentación xunto aos representantes do Concello de Mesía, de aAntena e do Museo do Pobo Galego, que produce e comisaría a mostra, explicou que se trata dunha das 14 iniciativas apoiadas na primeira quenda de subvencións deste fondo, do que −segundo adiantou− se publicará unha segunda convocatoria este mesmo venres. O importe global suporá un investimento próximo aos 1,3 millóns de euros en iniciativas públicas e privadas para ampliar e diversificar a oferta cultural do rural galego.

No caso de A ollada de Gustav, tamén se levarán a cabo seráns, obradoiros, charlas divulgativas e representacións do espectáculo teatral Relato para un incendio, coproducido polo Centro Dramático Galego, como parte da programación que terá lugar ata o mes de febreiro nunha ducia de municipios, a meirande parte deles na provincia da Coruña: ademais de Mesía, Boimorto, Boqueixón, Dodro, Dumbría, Mazaricos, Muxía, O Pino, Paderne, Rois, Sobrado e Vilasantar, xunto con Palas de Rei en Lugo.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades indicou que a primeira convocatoria de Territorio Cultura “está xa a supoñer unha incidencia directa en núcleos rurais de preto de 40 concellos de toda Galicia, nos que se desprega unha ampla variedade de iniciativas de creación, investigación, difusión e formación en cinema, música, artes escénicas, literatura ou artes plásticas, entre outros ámbitos”.

A cultura como motor de cambio
Subliñou, ademais, que Galicia foi a primeira Comunidade autónoma en poñer en marcha este programa, a través da súa propia liña de subvencións dentro do plan para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas que contempla o Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU. “Todos os proxectos adxudicatarios responden a esta finalidade, no sentido de reforzar e desenvolver as capacidades do sector cultural para acadar un tecido sólido máis alá dos grandes núcleos urbanos e contribuír, xa que logo, a incrementar a actividade cultural nas zonas rurais, entendida como un motor de cambio, dinamización e transformación social”, continuou.

O responsable de Industrias Culturais felicitou a aAntena polo seu proxecto, do que destacou a súa transversalidade e variedade de propostas, comezando pola exposición que pode verse en Mesía. Producida polo Museo do Pobo Galego ao abeiro da súa Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, Coreografías do saber: o traballo feminino en Gustav Henningsen achégalle ao público unha escolma do extenso fondo de fotografías e gravacións realizadas polo antropólogo danés entre 1965 e 1968. Durante estes tres anos percorreu Galicia coa súa muller, Marisa Rey, enviados por Julio Caro Baroja para realizar un estudo etnográfico sobre as crenzas vinculadas á bruxería e que deu lugar a unha das más reveladoras intervencións sobre o noso acervo cultural.

Ademais da mostra, que posteriormente viaxará ata Vilasantar, A ollada de Gustav ofrecerá varias funcións de Relato para un incendio, que aAntena coproduciu co Centro Dramático Galego a partir do texto co que Ernesto Is gañou a primeira edición da Bolsa de Dramaturxia e Creación promovida pola unidade de produción teatral da Xunta. A montaxe, que este mes puido verse xa en Mazaricos e Palas de Reis, representarase proximamente en Boqueixón, Dumbría, Muxía, O Pino e Rois.

Teatro documento
O espectáculo, dirixido por Xosé Leis e interpretado por Isabel Risco, Victoria Pérez e Manu Fernández, conecta a modo de “teatro documento” dous feitos que se produciron nas terras de Ordes. Dunha banda a investigación de Henningsen, que se detivo especialmente nesta comarca coruñesa e, doutra, a ruta incendiaria dunha veciña da contorna en 2016. Con estes dous fíos, técese unha obra que pon en valor o patrimonio cultural e natural, ao tempo que reflexiona sobre a súa conservación e sobre o significado da figura das meigas en Galicia.

Ademais, esta mesma mañá está a ter lugar en Mazaricos o segundo dos obradoiros de regueifa e recollida de cantares que Lupe Blanco está a impartir ao alumnado de Secundaria dos concellos participantes co obxectivo de espertar o seu interese pola nosa tradición musical.

A partir do mes de decembro, sumaranse ao programa tres seráns en Mesía, Paderne e Sobrado da man da Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda (Malpica), que interpretará pezas recollidas polo propio Henningsen. Haberá, así mesmo, charlas divulgativas en sete dos municipios baixo os títulos Bruxas e fadas, princesas e labregas. Figuras de muller nos contos galegos e Etnografía popular, a cargo das escritoras Camiño Noia e María Moure, respectivamente.